Saltar ao contido principal

Publicacións

MAPA DE CONCELLOS de GALIZA

 Coa colaboración do coordinador TIC, o alumnado do terceiro ciclo deseñou un mapa dos concellos de Galicia, que foi colocado na entrada do colexio para que todo o alumnado poida observalo diariamente e familiarizarse coa localización dos distintos concellos da nosa comunidade. Esta iniciativa contribúe a reforzar o coñecemento da xeografía galega e converte un espazo común do centro nun recurso educativo accesible para toda a comunidade escolar.

DÍA DA MULLER NA CIENCIA

Con motivo do  Día da Muller e da Nena na Ciencia , o alumnado participou nun obradoiro de  esferificacións , unha actividade na que a química e a creatividade se uniron para crear pequenas elaboracións gastronómicas sorprendentes. Durante a sesión descubriron como algunhas reaccións químicas permiten transformar líquidos en pequenas esferas cunha fina capa exterior e un interior líquido, comprendendo conceptos científicos dun xeito práctico, visual e moi divertido. Ademais de experimentar, puideron dar renda solta á súa imaxinación combinando diferentes sabores e cores para elaborar as súas propias creacións. Esta actividade permitiulles achegarse á ciencia dunha maneira atractiva e participativa, espertando a súa curiosidade e poñendo en valor o importante papel das mulleres científicas ao longo da historia e na actualidade. Sen dúbida, foi unha experiencia tan saborosa como enriquecedora.  

PROXECTO: COÑECEMOS GALICIA

O alumnado do 3º ciclo levou a cabo durante un mes o proxecto  "Coñecemos Galicia" , no que investigou e compartiu información sobre as catro provincias galegas. Ao longo deste traballo recompilaron datos sobre o patrimonio cultural, os lugares naturais de interese, os persoeiros máis relevantes, os ríos e a gastronomía de cada provincia. Para desenvolver o proxecto utilizaron os ordenadores da aula e traballaron mediante dinámicas de aprendizaxe cooperativa, organizándose en equipos tanto para a investigación como para as exposicións finais. Foi unha experiencia moi enriquecedora, que lles permitiu ampliar os seus coñecementos e adquirir unha perspectiva máis ampla da riqueza cultural, natural e histórica de Galicia, ao tempo que reforzaron habilidades como o traballo en equipo, a comunicación oral e a busca de información.  

Obradoiros da horta

Obradoiros de horta en galego Nos obradoiros da horta cultivamos moito máis que alimentos: cultivamos lingua, cultura e conciencia. Nestes espazos de aprendizaxe compartida, comunicámonos en galego mentres coñecemos as plantas da nosa horta, os seus nomes, os seus usos na gastronomía tradicional e a súa importancia na nosa vida cotiá. Ao tempo, traballamos valores fundamentais como a sostibilidade, a ecoloxía e o respecto polo medio ambiente. Reflexionamos sobre como producir e consumir de maneira responsable, coidando a terra que nos dá sustento e entendendo a horta como un ecosistema vivo que debemos protexer. Estes obradoiros permiten afondar na nosa relación coa natureza e tamén coa nosa identidade cultural, recuperando saberes tradicionais e poñéndoos en diálogo co presente. Cada actividade convértese nun espazo para aprender facendo, compartir coñecementos e fortalecer a comunidade.  

Samaín

Sempre é un día moi divertido. E este ano tamén foi así. Puxémonos os difraces máis divertidamente terroríficos que puidemos e pasámolo xenial. Ademais tamén conxuramos os nosos medos sacándoos de dentro e deixando que marchen lonxe, mi lonxe. E non podemos esquecer a exposición de cabazas decoradas...    

Visita dun músico tradicional

Neste maio tivemos a sorte de que nos visitara un rapaz que sabe moito de música popular galega e que toca a pandeireta moi ben. Puidemos aprender un pouquiño como se toca, a cantar dúas pezas (muiñera e xota) e ata a acompañalas coa propia pandeireta. Foi unha mañá incrible!!!  

APADRIÑAMENTO LECTOR

Como cada ano no cole tivemos a nosas xornadas semanais de apadriñamento lector.  O alumnado de infantil reuníase co alumnado de primaria na biblioteca para facer o préstamo semanal e ao mesmo tempo aproveitamos para ler contos de maneira conxunta. Desfrutamos moito destas xuntanzas.